Eu son Arancha Nogueira, ou Arancha Rodríguez Fernández (na miña vida máis prosaica). Nacín tranquilamente un domingo de setembro de 1989 en Ourense, licencieime en Xornalismo e agora preparo unha tese de doutoramento en Santiago de Compostela.

Sobre todo, son autora. Poeta (e algunha cousa máis cando me inspiro). Fago parte da plataforma de crítica feminista A Sega e nos últimos tempos teño publicado os poemarios Andar Descalza (Concello de Outes, 2014), o único lugar onde ficar inmóbil (Urutau, 2018) e spleen en catro tempos (Toxosoutos, 2018), alén das plaquettes A capacidade de descomposición da luz (autoedicións Micromundos) e a comparsa (Leite Edicións).

Teño participado en diversas antoloxías como a de Cultura que Une: Ribeira Sacra-Douro, Calpurnias: mulleres poetas ourensás ou a antoloxía multilingüe A Journey Called Home. Tamén en revistas literarias como Dorna, o Boletín Galego de Literatura ou a Revista Ligeia e outras publicacións como o especial “Seis poetas que comezan” a cargo de Carlos Callón no semanario Sermos Galiza.

Se queredes coñecerme máis, adiante!