eu veño do barrio das Lagoas
o meu cole era ladrillo amarelo parecido ao de calquera outro colexio
e os edificios semellaban altos camiñantes futuristas pero non había nada parecido a un lago
así aprendín
que a historia pode ser unha promesa ou a caixa fúnebre dun tempo
que os nomes preservan ingratos as cousas que xa non somos e que hai algo que queda da auga até despois de mil secas
así, como nestoutros lugares
onde tamén puiden saber
que alguén quixo probar o lecer do río
onde houbo quen inventou veráns
e practicou amores
e descubriu o tacto
porque hai algo que queda da auga até despois de mil secas
e a historia é un funeral tenebroso pero búscanos
cando non sei que escribir, escribo illa
e aparecen ante min as couzas todas dun ferver antigo
a auga que aprendemos a querer mesmo antes de sabernos
mesmo antes de saber do tempo
e dos nomes das cousas que nos xuntan
escribo illa
e nacen mil praias coma esta
mil ríos
e algún dos días
até despois de mil secas
até despois de mil secas
pódelle a memoria ao tempo e á extinción
*(poema escrito para o Festival Entreverbas 2019)
Precioso, pena non ter asistido e escoitalo en directo.