“É difícil entender a tribo,
pertencer sen ser devorado”
-Míriam Ferradáns
conservamos a memoria
a memoria é un enxerto que sobrevive fractal
malia todo
conservamos a mutilación como o xesto imprescindíbel
o sacrificio ritual da memoria
pero sabémola mutilada
colocámonos no poema
e queremos fender os dedos na carne aínda quente
preocúpanos pronunciar os nomes
aleitar as imaxes intactas que non foron
nomear é salvarse da extinción
preocúpame o relato
a epifanía oral
a mentira colectiva
nomear a mentira e inmortalizala
crear un deseño perfecto
un corpo redondo
discorrer nesa circunferencia
aí, no xesto escaso do recordo
na memoria do enxerto
no tacto da mutilación
nese traballo impuro que me impoño
a identidade