así ficamos
finxíndonos atentas
nunha observación minuciosa dos pistilos
e dos pétalos e da cantidade exacta de acumulación
como o detalle de máxima importancia
ese espasmo de luz da porta entreaberta
e o malva queimado das semprevivas
a vida como un chiste malo
agromando entre a madeira maciza dun féretro
de cor moito máis clara do que pediramos
e a raia de luz a vibrar por entre as fendas
como un insulto
así ficamos
un escorzo de ti
e o noso apego
inservíbeis
anoxadas co señor que trouxo as flores que non eran
co til que non puxeron
co frío estático das máquinas expendedoras
coa extinción
co zunido dos coches que nos recordan que marchamos
coa masacre do ritual de despedida
e a luz vibrante dese abril coma unha infamia
a rotonda dun polígono
que será todo o que recordaremos
un filme miserábel de domingo
mentres a douscentos metros
unha música estrondosa de radio mal sintonizada
anuncia a berros a liquidación
dun cento de accesorios de xardinería
*este texto acadou o 2º premio de poesía do Concello de Ames na modalidade de adultxs en 2019